A canción clama que somos unha xeración destinada a sufrir os erros dos nosos antepasados, sendo así a xeración dos "underdogs", que en inglés fai referencia a aqueles seres que se espera que fracasen.
E, a dicir verdade, non lles faltan razóns para pensar iso: cambio climático, crises económicas, esgotamento de recursos etc.
Actualmente, somos máis conscientes ca nunca de que a nosa forma de vida no planeta que habitamos está condenada a unha fin paulatina e agónica. E, por se fose pouco, os nosos actos fan que esta fin se achegue cada vez máis rápido. E quen ten a culpa? Os nos antepasados.
Pero non veño a falar do cambio climático. Veño a falar de xeracións.
Efectivamente, tocounos sufrir as consecuencias dos nosos predecesores, quenes, por vivir a todo trapo durante o Século XX, nos deixaron cun problema bastante serio. Ese problema é algo simple, pero á vez complexo: non se pode crecer para sempre.
Despois de crecer cada vez máis e máis, caemos en picado por culpa dunha crise a escala global, e pegámonos un hostión enorme contra a realidade. E a realidade é que temos un ritmo de vida insostible a longo prazo.
Somos unha xeración que naceu con moitas comodidades, cando as cousas nos ían ben, e estamos destinados a afrontar as adversidades que xa se nos están poñendo diante. É dicir, que viviremos nun mundo peor que aquel no que nacemos.
Ao igual que moitos dos nosos avós, seguramente acabemos emigrando a outros países para poder saír adiante.
Somos nós, a xeración dos underdog a que ten o futuro negro, e todas as apostas en contra. Pero non todo está perdido.
Hoxe pregunteille a meu avó, que naceu en 1935, se cría que a miña xeración ía vivir peor que a dos nosos pais, e, moi convencido el, díxome que non. Que é certo que temos problemas que solucionar, pero que viviremos mellor que os nosos pais, con máis comodidades e facilidades. E cando lle preguntei se pensaba que seríamos capaces de salvar este planeta da súa caída en picado, foi bastante claro: Non nos queda outra. E ten razón.
Non temos máis remedio que afrontar os problemas que se nos veñen enriba. Non nos queda outra que cambiar o ritmo de vida ao que nos teñen acostumbrados. De cambiar a definición de "progreso", e comprender que, se cadra, non necesitamos crecer máis, senón madurar onde estamos.
É certo que o legado que nos deixan as xeracións pasadas non é moi desexable, pero o máis importante que nos deixan son os erros que cometeron, porque estes veñen cargados de experiencia.
Como xeración, é hora de que comecemos a poñernos as pilas, e solventar eses problemas que aínda nos lastran. É hora de que soltemos esa pesada carga que supón o Século XX e nos adiquemos en corpo e alma ao XXI. E non poderemos facer isto mentres sigamos tendo líderes de 70 e pico anos, forrados de cartos e sen ningún compromiso máis alá do poder.
Unha xeración necesita de líderes que a comprenda, que forme parte dela, que sepan dirixirnos cara o obxectivo común.
É un auténtico lastre que, en 2017, o presidente da maior potencia mundial negue públicamente que exista o cambio climático, únicamente para beneficio propio e de todo aquel que viva do petróleo. É un auténtico lastre que, en lugar de buscar reducir esas conductas que nos condenan ao desastre, se intenten revertir os cambios que se fixeron ata agora.
Seguramente nun futuro próximo, se consigan grandes avances nesta materia, pero o verdadeiro problema está en dar voltas, discutindo para ver quen a ten máis grande e varrer cada un para a súa casa, en vez de buscar unha solución coa que todos estemos dacordo. Porque o tempo é limitado, e xa estamos chegando tarde. Demasiado tarde, quizais.
Sen dúbida, somos unha xeración con un gran reto por diante: Renegar de quen somos.
Somos aqueles destinados a vivir en malos tempos, pero sairemos adiante.
Somos aqueles destinados a sufrir os erros dos antepasados, pero seremos quen de corrixilos.
Somos aqueles que se espera que fracasen, e seremos os que venzan.
Somos aqueles que naceron para ver a fin do mundo, pero seremos quen vexa un novo mundo nacer.
Temos moito que demostrar, e un mundo por crear.
A que estamos esperando?