Tratemos o asunto
domingo, 3 de agosto de 2053
Advertencia
Si te dispós a ler este blog e non me coñeces, ou ben non tes nin idea do que fago en Instagram, permíteme facerche un par de aclaracións.
É frecuente que, cando subo unha foto a Instagram, escriba un texto sobre calquera cousa, o cal non necesariamente ten que gardar relación coa foto.
Pois ben, as entradas numeradas con números romanos son unha recopilación deses textos que escribo en Instagram, os cales considero que merecen a pena ser expostos aquí.
Estes textos están copiados directamente de como os escribo en Instagram.
Eu escribo máis ou menos como falo, é dicir, con moitos castelanismos, jeada, seseo etc.
Por iso que, si ves que me paso a normativización da RAG polo forro, non é porque sexa un inculto, senón porque me gusta escribir da mesma forma da que penso as cousas, considero que o resultado varía bastante.
Dito isto, gracias por vir, e non te esperes absolutamente nada do que estás a punto de ler.
viernes, 26 de febrero de 2021
CLXV
Quen es? Quen somos? Quen son?
Que conxunto de cousas nos define? Que di quen somos? Non me refiro a como somos, senon que somos. Cal é a esencia que define o noso ser?
É un tema no que penso recurrentemente. E ao cal non adoito atopar respostas. E pode que nunca as atope.
Podemos definirnos pola nosa apariencia, pola imaxe que queremos proxectar de nós. Tamén podemos definirnos pola cultura á que pertencemos, a música que escoitamos, a familia da que somos, o país no que nacemos.
Por moitas cousas polas que nos definamos, nunca conseguiremos resumir todo aquilo que somos mediante palabras. Cada persoa é única e irrepetible, e resulta imposible explicar algo así. Se cadra por iso din que definirse é limitarse.
Todo isto forma parte da nosa identidade. Algo que construímos a cada segundo que pasa, e que nos fai ser un pouco máis únicos que o día anterior.
Adoito preocuparme por se estou perdendo a miña identidade.
Se cadra escoito unha canción de Maluma e sinto que non estou sendo eu mesmo, aínda que me poida gustar.
Se cadra vístome un día cun xersei e cunha camisa, e sinto que estou intentando ser alguén que non son. Aínda que me vexa guapo así vestido.
Se cadra paso un día na universidade, onde todo o mundo me chama Bubi, e esquezo por un momento que me chamo Fran. A pesar de ser a mesma persoa.
Ao mellor o Fran de 2015 estaría botándose as mans á cabeza se vira como son agora.
E todo isto lévame a pensar que a identidade é algo que cambia. As persoas cambian, e o que as define tamén.
Non deberíamos limitarnos a ser unha serie de cousas que están ancladas no pasado, nunha suposta identidade inquebrantable.
Deberíamos centrarnos nas cousas reais que enchen a nosa vida.
E o que é real somos nós, e os nosos amigos, e as nosas emocións, os nosos sentimentos, os nosos orgasmos, as nosas preocupacións, as nosas inseguridades e os nosos medos.
Lembra que o tempo e o espacio no que estás agora, e todo o que esta ao teu carón, é a porción máis inmediata do teu universo.
Iso é o que é real.
CLXIV
Credes que a música que escoitamos nos define?
Nalgún momento da miña infancia, comecei a escoitar rock alternativo, para despois ir meténdome pouca a pouco no heavy metal, e acabar sendo o hardcoreta que son hoxe en día. E direivos unha cousa: Non é bonito que che guste un xénero musical tan estereotipado.
Sempre vin que a sociedade parece rexeitar a música que me gusta. Como que está socialmente aceptado despreciala dicindo que consiste en ruídos, frases satánicas, gritos, que é violenta etc. Non nos confundamos, sempre percibin que a xente respeta que me guste esa música, pero sempre e cando a escoite só eu, con cascos e sen que os demais a escoiten. Segregación, que lle chaman.
Un día en sexto de primaria estabamos poñendo música no ordenador da clase, e todo eran cancións comerciais poperas, de reggaeton e tal. A profesora díxolle aos demais que me deixaran poñer a min algunha tamén, que tiñan que respetar os meus gustos. Puxen unha canción de Linkin Park que para nada era algo "Ruidoso, satánico, violento e con gritos", pero só con ver as expresións de incomodidade da xente, e ver que estaban "respetándome por obligación" xa me bastou para non querer poñer máis música.
Frustrabame non poder amosarlle á xente toda a beleza e todo o que representan esas cancións que a priori poden parecer violencia. Quería poder demostrarlle á xente que no aparente caos, hai unha orde preciosa de sentimentos e expresión.
E, ao final, con anos e anos de situacións similares, un acaba por asumir que os seus gustos musicais non encaixan na sociedade, e se es unha persoa coma min, á que a música lle resulta unha seña de identidade tan importante, acabas por sentir (ás veces) que ti tampouco encaixas na sociedade.
E así acabo vivindo situacións raras, coma a de estar nunha discoteca, que é un sitio pensado para pasalo ben, escoitando unha música que non me gusta e preguntándome que sentido ten todo iso.
Que non nos equivoquemos, síntome orgulloso dos meus gustos, de pertencer a unha minoría. Incluso o disfruto.
Pero hai veces nas que me gustaría ser capaz de ir ver á Panorama a unha verbena de pueblo, e pasalo tan ben como aparenta a xente.
...porque o pasan ben, non?
CLXIII
O día remataba, sen que eu puidese controlalo. Facíame gracia pensar que os humanos sempre pretendemos controlalo todo, e eu alí, frustrado por non poder controlar o paso do tempo.
Non quería que rematase o día, non quería que aquel momento esvarase entre os meus dedos, coma un puñado de area na praia.Non.
Quería poder seguir contemplando aquel ceo ardendo, pensando que alguén se atrevera a prenderlle lume a todo un horizonte para que as persoas puideramos velo.
En un simple instante, sentín que todo estaba perdido. Que non había futuro posible cando o derradeiro raio de luz se ocultase no mar, deixando paso ás tebras. Por un intre, perdín toda esperanza. Non só en min, senon en todo aquilo no que algún día confiei. Todo aquilo polo que cada día paga a pena levantarnos da cama, e pelexar coa adversidade que trata de afundirnos nas tebras. Esas cousas que nos fan sorrir, pensando nun mundo mellor. Nunha vida mellor.
Entón lembrei que ao día seguinte, o Sol volvería iluminarnos coma cada día, e que volvería haber un solpor. Un parecido, pero nunca igual.
Recuperei a esperanza, porque a loita é continua e constante.
Unha loita cuxa única victoria é evitar a derrota.
Unha loita que nos acompañará sempre.
Pero que levamos a cabo, porque seguimos crendo nela. Porque sabemos que vale a pena.
Porque temos esperanza
CLXII
Unha vez dixeronme "co ben que escribes, deberías estar estudando algo de letras" e bueno, a pesar de que agradezo o cumplido, paréceme unha frase bastante errónea.
Levo 20 anos formando parte dun sistema educativo que deixa bastante que desexar, e cuxo obxectivo ás veces só parece querer formar autómatas que no futuro se dediquen a traballar para xerar riqueza nun sistema que ninguén debe cuestionar.
É certo que hai partes do sistema educativo que buscan estimular o pensamento crítico na xente, formar cabezas pensantes, e non borregos carentes de iniciativa que se adiquen a obedecer o que lles mandan sen rechistar. Pero esas partes vense cada día máis mermadas por cousas como notas académicas, exames de selectividade, informes PISA etc.
Ademais, parece que necesitamos estudar x cousa para facer x traballo, cando para nada ten por que ser así. Que se estuda para ser escritor? Podo ser artista sen estudar belas artes? Parece que nesta vida non somos ninguén sen un título. Parece que nos queren vender que todo o que non sexa ir á universidade é un fracaso académico, e nada máis lonxe da realidade.
Este texto non pretende ser o típico de "follow your dreams, estudia o que che guste e non te ralles pola vida" porque a movida é moito máis complicada ca eso.
Este texto pretende desmontar un pouco o argumento de que, porque eu estude enxeñería industrial, non poida dedicarme a facer movidas como escribir, pintar cadros ou facer esculturas con bastoncillos de algodón.
Unha vez lin que todos precisamos ter en nós un pouco de poesía, un pouco de música, un pouco de teatro, un pouco de... Arte, á fin e ao cabo.
Así que non sei, gustariame dicirche que non permitas que a sociedade che marque uns camiños polos que ir, que busques o teu propio camiño, porque o camiño faise ao andar.
Pero, quen son eu para dicirche o que tes que facer?
Disfruta, joder. Que nunca é tarde
CLXI
Gústame saber que non precisamos de palabras para entendernos. Que, con unha simple mirada, sabemos ver máis aló dos raios de luz que bañan as nosas retinas.
Que entre nós se estableza unha conexión instantánea.Vibrante, coma ondas electromagnéticas.
Chispeante, coma raios de luz.
Unha sorte de idioma propio que só nós compartimos, e que nos conecta sen esforzo ningún.
Tanto nos momentos de complicidade, coma nos máis intensos, esa mirada está aí.
Sei que, ante a túa mirada, son coma un libro aberto. Coma un mago que desvela os seus trucos a un público curioso.
Sei que me entenderás, mellor incluso do que eu me entendo a min mesmo, porque, ás veces, as cousas son só cuestión de perspectiva. Que se cadra sigo buscándome nos demais, aínda que o certo é que non me atopo se non é nos teus ollos.
Podo ver a través dos teus ollos a angustia, a desesperación, e todo aquelo que che atormenta.
Con unha simple mirada podo entender que, se cadra, levas demasiado tempo esperando un tren, un tren que che levará lonxe, pero non sabes a onde.
Con unha dura mirada, podo entender que xa tiveches abondo deses solpores baleiros.
Incluso cando peche os ollos para tratar de entenderme, sentirei que estás aí, nalgunha parte, máis aló da escuridade.
Esperando o tren que aínda está por pasar.
CLX
Levo tempo con unha imaxe formada na miña mente:
Eu. Nun prado húmido, con néboa. Vou vestido co meu chuvasqueiro de Stick to your guns, pantalón largo e uns tenis de skate que xa levan uns minutos mollados.
Fai algo de frío, pero non venta.
Todo está en calma.
A néboa, ademais de impedir a visión máis aló duns metros, impide escoitar nada que non sexa o ruído que fai a miña roupa ao camiñar, e a miña propia respiración.
Está todo tan en calma, que podo sentir cada latexo do meu corazón, podo sentir o sangue correndo polas pernas, chegando aos pés, que xa comezan a sentir o frío calando a través dos meus tenis enchoupados.
Teño as orellas frías. Moi frías. Pero as mans non. As mans están quentes, parece coma se o meu corpo decidise darlles prioridade para poder palpar a néboa cos dedos.
Teño o nariz frío e vermello. Con pingas caendo del debido á conxestión, pero iso non me impide arrecender.
Arrecende a tarde fría de Novembro, a terra mollada e un pouco a pino.
Podo ver o meu propio alento cada vez que exhalo aire pola boca.
Só sinto frío na cara, pero non de forma desagradable.
Sinto ese frío que botas de menos durante o verán.
Pero o máis curioso desa imaxe, é que me vexo en terceira persoa.
Xiro a cabeza cara quen me está mirando, e sorrío.
Se cadra é que non me vexo se non é desdos teus ollos.
Advertencia
Ola boas, chámome Fran e escribo textos. Si te dispós a ler este blog e non me coñeces, ou ben non tes nin idea do que fago en Instagram, p...
-
Un día meu pai díxome que os mariñeiros sempre viven dentro dunha tranquila incertidumbre, que che acostumbra a estar sempre alerta para can...
-
E si te vas? Lonxe Pero lonxe de "hostia puta onde foi dar este" Lonxe que a xente teña que imaginarse como é a túa cara porque...
-
Hai algo que me mola das personas: é moi difícil ocultar o que sentimos. En certo modo, todos intentamos ocultar certos sentimentos, xa sea...