Quen es? Quen somos? Quen son?
Que conxunto de cousas nos define? Que di quen somos? Non me refiro a como somos, senon que somos. Cal é a esencia que define o noso ser?
É un tema no que penso recurrentemente. E ao cal non adoito atopar respostas. E pode que nunca as atope.
Podemos definirnos pola nosa apariencia, pola imaxe que queremos proxectar de nós. Tamén podemos definirnos pola cultura á que pertencemos, a música que escoitamos, a familia da que somos, o país no que nacemos.
Por moitas cousas polas que nos definamos, nunca conseguiremos resumir todo aquilo que somos mediante palabras. Cada persoa é única e irrepetible, e resulta imposible explicar algo así. Se cadra por iso din que definirse é limitarse.
Todo isto forma parte da nosa identidade. Algo que construímos a cada segundo que pasa, e que nos fai ser un pouco máis únicos que o día anterior.
Adoito preocuparme por se estou perdendo a miña identidade.
Se cadra escoito unha canción de Maluma e sinto que non estou sendo eu mesmo, aínda que me poida gustar.
Se cadra vístome un día cun xersei e cunha camisa, e sinto que estou intentando ser alguén que non son. Aínda que me vexa guapo así vestido.
Se cadra paso un día na universidade, onde todo o mundo me chama Bubi, e esquezo por un momento que me chamo Fran. A pesar de ser a mesma persoa.
Ao mellor o Fran de 2015 estaría botándose as mans á cabeza se vira como son agora.
E todo isto lévame a pensar que a identidade é algo que cambia. As persoas cambian, e o que as define tamén.
Non deberíamos limitarnos a ser unha serie de cousas que están ancladas no pasado, nunha suposta identidade inquebrantable.
Deberíamos centrarnos nas cousas reais que enchen a nosa vida.
E o que é real somos nós, e os nosos amigos, e as nosas emocións, os nosos sentimentos, os nosos orgasmos, as nosas preocupacións, as nosas inseguridades e os nosos medos.
Lembra que o tempo e o espacio no que estás agora, e todo o que esta ao teu carón, é a porción máis inmediata do teu universo.
Iso é o que é real.
viernes, 26 de febrero de 2021
CLXV
CLXIV
Credes que a música que escoitamos nos define?
Nalgún momento da miña infancia, comecei a escoitar rock alternativo, para despois ir meténdome pouca a pouco no heavy metal, e acabar sendo o hardcoreta que son hoxe en día. E direivos unha cousa: Non é bonito que che guste un xénero musical tan estereotipado.
Sempre vin que a sociedade parece rexeitar a música que me gusta. Como que está socialmente aceptado despreciala dicindo que consiste en ruídos, frases satánicas, gritos, que é violenta etc. Non nos confundamos, sempre percibin que a xente respeta que me guste esa música, pero sempre e cando a escoite só eu, con cascos e sen que os demais a escoiten. Segregación, que lle chaman.
Un día en sexto de primaria estabamos poñendo música no ordenador da clase, e todo eran cancións comerciais poperas, de reggaeton e tal. A profesora díxolle aos demais que me deixaran poñer a min algunha tamén, que tiñan que respetar os meus gustos. Puxen unha canción de Linkin Park que para nada era algo "Ruidoso, satánico, violento e con gritos", pero só con ver as expresións de incomodidade da xente, e ver que estaban "respetándome por obligación" xa me bastou para non querer poñer máis música.
Frustrabame non poder amosarlle á xente toda a beleza e todo o que representan esas cancións que a priori poden parecer violencia. Quería poder demostrarlle á xente que no aparente caos, hai unha orde preciosa de sentimentos e expresión.
E, ao final, con anos e anos de situacións similares, un acaba por asumir que os seus gustos musicais non encaixan na sociedade, e se es unha persoa coma min, á que a música lle resulta unha seña de identidade tan importante, acabas por sentir (ás veces) que ti tampouco encaixas na sociedade.
E así acabo vivindo situacións raras, coma a de estar nunha discoteca, que é un sitio pensado para pasalo ben, escoitando unha música que non me gusta e preguntándome que sentido ten todo iso.
Que non nos equivoquemos, síntome orgulloso dos meus gustos, de pertencer a unha minoría. Incluso o disfruto.
Pero hai veces nas que me gustaría ser capaz de ir ver á Panorama a unha verbena de pueblo, e pasalo tan ben como aparenta a xente.
...porque o pasan ben, non?
CLXIII
O día remataba, sen que eu puidese controlalo. Facíame gracia pensar que os humanos sempre pretendemos controlalo todo, e eu alí, frustrado por non poder controlar o paso do tempo.
Non quería que rematase o día, non quería que aquel momento esvarase entre os meus dedos, coma un puñado de area na praia.Non.
Quería poder seguir contemplando aquel ceo ardendo, pensando que alguén se atrevera a prenderlle lume a todo un horizonte para que as persoas puideramos velo.
En un simple instante, sentín que todo estaba perdido. Que non había futuro posible cando o derradeiro raio de luz se ocultase no mar, deixando paso ás tebras. Por un intre, perdín toda esperanza. Non só en min, senon en todo aquilo no que algún día confiei. Todo aquilo polo que cada día paga a pena levantarnos da cama, e pelexar coa adversidade que trata de afundirnos nas tebras. Esas cousas que nos fan sorrir, pensando nun mundo mellor. Nunha vida mellor.
Entón lembrei que ao día seguinte, o Sol volvería iluminarnos coma cada día, e que volvería haber un solpor. Un parecido, pero nunca igual.
Recuperei a esperanza, porque a loita é continua e constante.
Unha loita cuxa única victoria é evitar a derrota.
Unha loita que nos acompañará sempre.
Pero que levamos a cabo, porque seguimos crendo nela. Porque sabemos que vale a pena.
Porque temos esperanza
CLXII
Unha vez dixeronme "co ben que escribes, deberías estar estudando algo de letras" e bueno, a pesar de que agradezo o cumplido, paréceme unha frase bastante errónea.
Levo 20 anos formando parte dun sistema educativo que deixa bastante que desexar, e cuxo obxectivo ás veces só parece querer formar autómatas que no futuro se dediquen a traballar para xerar riqueza nun sistema que ninguén debe cuestionar.
É certo que hai partes do sistema educativo que buscan estimular o pensamento crítico na xente, formar cabezas pensantes, e non borregos carentes de iniciativa que se adiquen a obedecer o que lles mandan sen rechistar. Pero esas partes vense cada día máis mermadas por cousas como notas académicas, exames de selectividade, informes PISA etc.
Ademais, parece que necesitamos estudar x cousa para facer x traballo, cando para nada ten por que ser así. Que se estuda para ser escritor? Podo ser artista sen estudar belas artes? Parece que nesta vida non somos ninguén sen un título. Parece que nos queren vender que todo o que non sexa ir á universidade é un fracaso académico, e nada máis lonxe da realidade.
Este texto non pretende ser o típico de "follow your dreams, estudia o que che guste e non te ralles pola vida" porque a movida é moito máis complicada ca eso.
Este texto pretende desmontar un pouco o argumento de que, porque eu estude enxeñería industrial, non poida dedicarme a facer movidas como escribir, pintar cadros ou facer esculturas con bastoncillos de algodón.
Unha vez lin que todos precisamos ter en nós un pouco de poesía, un pouco de música, un pouco de teatro, un pouco de... Arte, á fin e ao cabo.
Así que non sei, gustariame dicirche que non permitas que a sociedade che marque uns camiños polos que ir, que busques o teu propio camiño, porque o camiño faise ao andar.
Pero, quen son eu para dicirche o que tes que facer?
Disfruta, joder. Que nunca é tarde
CLXI
Gústame saber que non precisamos de palabras para entendernos. Que, con unha simple mirada, sabemos ver máis aló dos raios de luz que bañan as nosas retinas.
Que entre nós se estableza unha conexión instantánea.Vibrante, coma ondas electromagnéticas.
Chispeante, coma raios de luz.
Unha sorte de idioma propio que só nós compartimos, e que nos conecta sen esforzo ningún.
Tanto nos momentos de complicidade, coma nos máis intensos, esa mirada está aí.
Sei que, ante a túa mirada, son coma un libro aberto. Coma un mago que desvela os seus trucos a un público curioso.
Sei que me entenderás, mellor incluso do que eu me entendo a min mesmo, porque, ás veces, as cousas son só cuestión de perspectiva. Que se cadra sigo buscándome nos demais, aínda que o certo é que non me atopo se non é nos teus ollos.
Podo ver a través dos teus ollos a angustia, a desesperación, e todo aquelo que che atormenta.
Con unha simple mirada podo entender que, se cadra, levas demasiado tempo esperando un tren, un tren que che levará lonxe, pero non sabes a onde.
Con unha dura mirada, podo entender que xa tiveches abondo deses solpores baleiros.
Incluso cando peche os ollos para tratar de entenderme, sentirei que estás aí, nalgunha parte, máis aló da escuridade.
Esperando o tren que aínda está por pasar.
CLX
Levo tempo con unha imaxe formada na miña mente:
Eu. Nun prado húmido, con néboa. Vou vestido co meu chuvasqueiro de Stick to your guns, pantalón largo e uns tenis de skate que xa levan uns minutos mollados.
Fai algo de frío, pero non venta.
Todo está en calma.
A néboa, ademais de impedir a visión máis aló duns metros, impide escoitar nada que non sexa o ruído que fai a miña roupa ao camiñar, e a miña propia respiración.
Está todo tan en calma, que podo sentir cada latexo do meu corazón, podo sentir o sangue correndo polas pernas, chegando aos pés, que xa comezan a sentir o frío calando a través dos meus tenis enchoupados.
Teño as orellas frías. Moi frías. Pero as mans non. As mans están quentes, parece coma se o meu corpo decidise darlles prioridade para poder palpar a néboa cos dedos.
Teño o nariz frío e vermello. Con pingas caendo del debido á conxestión, pero iso non me impide arrecender.
Arrecende a tarde fría de Novembro, a terra mollada e un pouco a pino.
Podo ver o meu propio alento cada vez que exhalo aire pola boca.
Só sinto frío na cara, pero non de forma desagradable.
Sinto ese frío que botas de menos durante o verán.
Pero o máis curioso desa imaxe, é que me vexo en terceira persoa.
Xiro a cabeza cara quen me está mirando, e sorrío.
Se cadra é que non me vexo se non é desdos teus ollos.
CLIX
Probablemente ninguén se sorprenda se vos digo que vivimos nunha sociedade consumista.
Unha sociedade que vive a base de mercar, usar, tirar e mercar de novo.
Pero, e se vos digo que este consumismo vai máis alá de como mercamos cousas?
As persoas buscamos vendernos, promocionámonos para ser máis atractivas para as demais persoas.
Pénsao ben: empregamos Instagram para amosar o melloriño de nós, para ter unha carta de presentación cando alguén se interesa por saber quenes somos. Algo así coma o "escaparate" no que nos expoñemos.
Tamén tratamos de estar ben de guapos, de aparentar ser interesantes (que todos o somos realmente, ti tamén!) e, basicamente, de resultar atractivos.
Pero, atractivos para que?
Pois resulta que hai persoas que toman as relacións persoais coma a compra dun electrodoméstico. Escollen un que lle gusta, lévano con elas, úsano, e, cando non o necesitan máis, tírano e compran outro novo.
E isto é así. Parece que está socialmente aceptado que unha relación de amizade se volva súper intensa, e despois de tres anos, esas persoas só manteñan unha relación cordial. Parece que é tan fácil coñecer xente nova que non temos problemas en deixar atrás á que xa coñecemos. Parece que sempre vai haber alguén "mellor" por coñecer.
Tamén hai persoas que parece que coleccionan xente. Coma quen presume de ter unha colección de 300 coches, pero non conduce ningún, en contraposición a quen ten unha chatarra de 30 anos, pero trátaa con todo o amor do mundo.
Teño 1254 seguidores en Instagram, pero que significa ese número, se só teño boa relación con uns 50?
Se cadra chegou o momento no que deberiamos adicarnos máis a conservar que a comprar.
CLVIII
Ás veces, parece como que a meta nesta vida é seguir adiante. Sen mirar atrás. Sen voltar atrás.
Parece que ir vivir a outro lado, ter outras amizades, outra vida distinta é algo marabilloso. Que aquí non queda nada que pague a pena. E con "aquí", non só me refiro a onde vivimos, senon ao tempo que vivimos.
Parece que coñecer moita xente nova, e crear novos vínculos é algo innegablemente bo. Que as relacións pasadas deterioranse, e rematan por morrer, e simplemente nos limitamos a buscar novas persoas que substitúan ás de antes.
Non sei, ás veces sinto coma que vivimos nun mundo tan conectado, e con unhas relacións tan deshumanizadas, que resulta doado ter 100 amizades, e, en caso de perder unha, de contado atopamos outra nova.
Non hai nada malo en ter o mesmo grupo de amigos con 23 anos que con 12, e que non che apeteza facer novos amigos.
Si, hai que avanzar na vida, evitar quedarnos estancados. Pero iso non implica esquecer o pasado. Nin a aqueles que forman parte del.
Penso que, se cadra, voltar a vista atrás non é necesariamente malo.
Da mesma forma que non ten por que ser malo querer voltar ao pasado. Ou mesmo non querer "saír" do pasado.
Hai xente que parece que se avergoña do seu pasado. Que, á fin e ao cabo, é sentir vergoña deles mesmos.
Para estar ben con nós mesmos, necesitamos aprender a aceotar e a querer o noso pasado, quenes fomos, quenes estaban con nós, e todo o que iso conleva.
Se te avergoñas de quen eras, se cadra é que necesitas aceptar que a xente cambia, a vida cambia.
Pero as raíces non.
Por moi alto que medremos, sempre imos precisar dunhas boas raíces que nos sosteñan.
Porque se non tés en que apoiarte, rematarás caendo.
CLVII
Paréceme que hoxe en día, a idea dunha persoa realizada, pasa por vivir sempre fiel e acorde a unha serie de ideais inquebrantables, e incuestionables. Incuestionables tanto polos demais, coma por un mesmo. Parece que temos que escoller un bando, unha filosofía de vida, e vivir o resto dos nosos días intentando axustarnos o máximo posible ao dogma que dicte esa idea.
Ademais, se nalgún momento fallamos a esas ideas, xa se encarga a sociedade de lembrarnos eses fallos. De amosar o hipócritas que somos con un tweet de 2013, ou dicindo "ti dixestesme fai tempo que nunca farias eso" e todo para sentirse moralmente superiores a nós. E sabedes que? A xente cambia. As opinións cambian. Todo cambia.
Pero non só iso. Ás veces noto como que, por ter certas opinións, xa temos que comulgar con todo o que se espera dese "bando".
Á xente extráñalle que eu escoite La Oreja de Van Gogh, e vaia cada ano ao Resu.
Á xente extráñalle que repudie os porros, e sexa unha persoa xoven de esquerdas (e haberá quen lea isto e diga "pero se eu vinche fumar porros).
Porque temos metido na cabeza que non somos quen de ter unhas ideas propias. Que necesitamos ser dun colectivo, e defender esas ideas a morte para poder ser alguén.
E todo isto vese acrecentado en internet. Porque nas redes sociais sempre intentamos proxectar unha esaxeración do que somos, sempre intentamos ir mais alá para ser máis "puros" na nosa ideoloxía.
Gustaríame pedirche que te parases a pensar por que tes certas opinións nalgúns temas, e valorar se realmente decidiches ter esa opinión, ou se acabaches adquiríndoa porque é o que pensa a xente con ideas similares a ti, ou porque vistes que X persoa famosa pensa así.
Non hai nada malo en cuestionar as ideas, incluso aquelas que consideramos inquebrantables. Ninguen vai comerche por cuestionar o por que das cousas. Nin tampouco por cambiar de opinión.
E se o fan, corre. Moi lonxe.
CLVI
O PASEO DE MANOLITO CAPÍTULO 2: Manolito e Raimundo Anteoquero.
Manolito seguía camiñando logo de atoparse co varredor perturbado que tanto drama montara polo saúdo que lle dera Manolito.
Ao cabo duns minutos, Manolito atopouse con Raimundo, o dono dun bar bastante coñecido no pobo. Manolito coñecíao porque adoitaba ir coa familia a ese bar logo de ir á igrexa os domingos, cando aínda non se volvera un adscrito á corrente nihilista.
-Boa tarde, Raimundo, como vai todo?
+Pois ando un pouco decaído, Manoliño
-E iso? Anda home, como pode ser que estes triste con un día tan bo como fai hoxe? Ademais ti, que tes un bar que vai ben!
+E que máis dá iso? Acaso non sabes todas as desgracias que hai no mundo? Como pretendes que esté contento se cada día hai 100 millóns de nenos explotados? Cada día morren miles de inocentes por guerras incoherentes, e ti tan tranquilo aquí, dando un paseo, todo fachendoso porque fai un bo día. Nunca hai bos días en Yemen, sabes?
-Bueno, Raimundo, eu creo que tampouco é como para poñerse así. É certo que son desgracias, pero non é algo que nós poidamos controlar como individuos
+Claro, a ti mentras ninguén che quite os teus privilexios de home branco occidental, nada che incumbe. Poderías ser voluntario en misións de axuda humanitaria, ou traballar para algunha ONG, pero nooon, prefires autoconvencerte e dicir que non podes facer nada. Por culpa da túa indiferencia morre xente. Como te sintes ao ser cómplice do xenocidio das potencias occidentais? Como te sintes ao vestir roupa sobre a que sangran cada día nenos de 8 anos?
Manolito non tiña ningunha ansia de discutir, así que asentiu calado as declaracións de Raimundo, e continuou o seu camiño. Xa empezaba a estar de mala hostia, pero dous perturbados non ían impedirlle disfrutar daquel paseo vespertino, e menos aínda de saudar a toda persoa que se atopase.
Continuará...
CLV
O PASEO DE MANOLITO
CAPÍTULO 1: Manolito e o técnico en limpeza e hixiene pública.
Manolito estaba contento. Por fin acabara de facer todas as tarefas que lle mandara facer a súa nai, así que saiu a dar un paseo para desfrutar dunha destas tardes de primaveira nas que quenta o Sol, pero, cando menos o esperas, aparece unha nube que o tapa, e pasas de estar en Cilguatanejo a estar en Oymyakon en cuestión de segundos. Así que colleu a súa chaqueta, ou "Cazadora de verán", como lle chamaba a súa nai, facendo gala das súas habilidades co oxímoron.
Manolito estaba tan contento que se propuxo saudar a todas as persoas que vise no seu paseo para alegrarlles a tarde aos transeúntes do seu pobo.
Viu a Pepiño, un home que viaxara moito e decidira vivir unha vida máis tranquila como varrendeiro, e díxolle "Boa tarde, señor varredor!"
Pepiño montou en cólera e díxolle a Manolito que como podía faltarlle ao respeto desa forma, que eles preferían o termo "Técnico en limpeza e hixiene pública"
-Sempre igual, dende sempre, os varredores estamos menospreciados por elitistas de merda coma ti, que se cren superiores por non ter que recoller a merda dos demais -Dixo o varredor, visiblemente furioso-
-De verdade que non era a miña intención ofendelo, señor. Non sabía que o termo varredor estaba mal visto, prométolle que non volverá pasar. -Dixo Manolito-
-Pois claro que nos ofende! Declarouse o termo "Varredor" como políticamente incorrecto na Asemblea Mundial de Técnicos Sanitarios de Sebastopol fai cinco meses. O que deberías é aprender a ser un pouco máis agradecido, niñato de merda. Gracias á xente coma min, e a todo o persoal que mantén limpas as rúas ti podes saír a dar os teus putos paseos de merda, e non che vexo dar as gracias, nin a min nin por ningunha rede social.
Manolito escapou dalí sen despedirse antes de que Pepiño comezara a insultalo en holandés.
"Seguro que ten un mal día, e eu fun a gota que desbordou o vaso da súa furia" -pensou Manolito-
Así que seguiu o seu paseo, disposto a saudar a todas as persoas que topase no seu camiño. O pobre non tiña nin idea da que se lle viña enriba.
.
CONTINUARÁ
CLIV
A finais dos anos 90, os programadores déronse conta de que a liaran pardísima por unha parvada aparentemente inofensiva. Levaban anos programando as fechas nos ordenadores empregando só os dous últimos números (67, 73, 84, 92 etc). E que, ao entrar no ano 2000, os ordenadores crerían que volveran ao ano 1900, e as cousas empezarían a descontrolarse (ordenadores de bancos, ordenadores que controlaban armas nucleares etc). Os medios fixeron eco deste problema e bautizárono como “efecto 2000”, anunciando que ía haber unha catástrofe mundial e demais disparates.
Ao final, o problema solucionouse de distintas formas, dependendo de cada situación. Unha delas foi empregar un código distinto: o tempo UNIX
O tempo UNIX é un sistema que conta os segundos que pasaron dende as 00:00 do 1 de Xaneiro de 1970, porque resulta que é un pouco coñazo programar fechas, por iso de que os meses non teñen o mesmo número de días, cada 4 anos Febreiro ten un día máis etc.
Pero isto ten un problema: Ten un límite. O procesador do teu móbil só pode almacenar unha certa cantidade de información, que esta limitada polos bits do procesador.
Non vou meterme a explicar que son os bits, pero si dicirvos que, se tendes un procesador de 32 bits, o voso móbil ten unha data límite: o 19 de Xaneiro de 2038. A partir das 3:14 dese día, o procesador non poderá almacenar máis información e volverá a 0. É dicir, ao 1 de Xaneiro de 1970. Unha forma de comprobalo é intentar cambiar a data do voso teléfono a un ano maior ca 2038. O meu, por exemplo, só podo poñelo ata o 31 de Decembro de 2037.
Esta movida ás veces causa algún problema, que tarde ou cedo rematan sendo corrixidos. Antes os iPhone petaban se intentabas poñer unha data anterior a 1970. Tamén cando subías unha historia a Instagram con unha foto da galería sacada con outro dispositivo, a data que aparecía como recordo era o 1/1/1970, aínda que creo xa está corrixido.
E bueno, iso foi todo por hoxe. Levaba tempo querendo escribir algún texto sobre curiosidades, e este foi o meu primeiro intento. Non pretendo facer reflexionar, nin nada polo estilo. Simplemente facervos saber algo que me parece interesante e que o disfrutarades (ou non)
CLIII
Fará cousa duns meses estaba enganchadísimo a Tom Scott, un youtuber británico que fai vídeos sobre curiosidades, entre outras cousas.
E eu, nun momento de lucidez, pensei que sería boa idea escribir textos sobre curiosidades. Desta forma, podería escribir máis textos, sen esperar a que me chegue a inspiración para escribir sobre un tema que me ronde a cabeza. Incluso fixen unha enquisa en stories para ver si vos cundía o rollo.
Aínda non escribín ningún texto sobre curiosidades (penso facelo), porque había un pensamento que non lograba quitarme da cabeza: Quen son eu para contarvos a vós nada?
Ese pensamento apareceume porque hai xente que ve iso como algo malo. Xente que se ri de que me poña a contarvos cousas, porque "Onde vai este matado, que se cre, influencer?". Porque se vos interesaran esas cousas, tendes moitas outras persoas con máis público que o fan mil veces mellor ca min.
Son simplemente unha persoa normal, e como tal, teño que subir a Instagram fotos miñas con frases de cancións, historias de cañas cos meus amigos, historias na biblioteca, e vídeos dandolle toques a un rulo de papel de WC.
Creo que a xente que ve as cousas desa forma, e intenta "arrastrar" aos demais ao pozo de mediocridade no que están, o que ten é un complexo enorme por seren vítimas desa mesma mediocridade.
E non o digo para autoconvencerme de que eles son os tolos, e que eu teño a razón suprema, para nada.
Dígoo porque non me entra na cabeza rirse dos demais por querer facer algo distinto.
Sempre vai haber alguén que faga as cousas mellor ca nós, si. Pero iso nunca foi (nin será) un motivo para impedir que nós tamén as fagamos.
Así que o próximo texto que publique será explicándovos que é o tempo Unix.
CLII
O libro "Un mundo feliz" de Aldous Huxley (1932), presenta un futuro distópico onde a xente é feliz. O libro trata moitos temas que poden ser extrapolables á sociedade actual. Este texto pretende centrarse nun deles: a selección de tarefas.
No libro, a sociedade está estamentada por clases (alfa, beta, gamma etc). As persoas, en vez de nacer dunha nai e dun pai, son creadas en fábricas, predestinando a cada persoa a ser dunha clase antes sequera de nacer. As clases alfa son as dominantes, os cerebros pensantes que dirixen a sociedade, e hai moi poucas persoas alfa. En cambio, as clases Epsilon (as máis baixas) están formadas por moitas persoas, cortas de mente, sen apenas boas cualidades físicas, que desempeñan traballos básicos coma ser conserxes, limpiadores etc.
O rollo desta sociedade é que, como as persoas nacen predestinadas coas cualidades que as fan ser dunha clase, viven felices porque traballan facendo as mellores tarefas que saben facer. As súas vidas consisten en traballar, e irse á súa casa a meterse unha droga perfecta chamada "soma", que non ten efectos secundarios.
Simplemente iso.
E a gran pregunta que suscita o libro é "É feliz esa xente?" Ou acaso viven unha ilusión de seren felices, debido a que un goberno dicta toda a súa vida dende antes de naceren?
Non vos parece que na sociedade actual pasa algo parecido? Se unha persoa fracasa académicamente, é como se a sociedade intentase apartala, coma se se considerase que, se aos 16 anos non che foi ben na escola, nunca vas ser ninguén na vida, non se espera de ti nada máis alá de ter un traballo mundano e considerado "inferior".
Acaso non hai un montón de xente que traballa 5-6 días á semana, para esperar a que chegue o sábado noite e emborracharse para abstraerse da realidade e da rutina (coma os que toman Soma no libro)?
Unha realidade nesta sociedade é que, se naces pobre, probablemente morras pobre. Se naces dunha clase, probablemente morras sendo desa clase.
Para morrer sendo dunha clase superior, necesitas ter ambición.
Necesitas desexar ter algo máis que che motive a esforzarte
E a ambición fai que non poidamos ser felices, porque implica que aínda non temos o que queremos.
E dime:
Es feliz?
CLI
Nunca pensastes que vivimos nunha sociedade moi deshumanizada?
Hoxe en día estamos conectados con moitísima xente de moitos sitios, as 24h do día, 7 días á semana.
Podemos ter amigos que nunca chegamos a coñecer en persoa, ter plena confianza nunha persoa que vive ao outro lado do Atlántico, porque resulta máis fácil contarlle os teus problemas a alguén que vive a tomar polo cú, que a alguén que viva no teu barrio, porque se cadra algún día pode traicionarche e contarlle esas cousas á xente que coñeces.
Pero ao que vou é que a nosa sociedade permítenos coñecer moita xente, e estar suxeitos a cambios constantes nas relacións persoais. Podemos ter tres grupos distintos de amigos, e liarnos con tres, catro ou vinte persoas ao ano. Podemos ter todo iso, e, pese a todo, non chegar a intimar con ninguén, ter relacións vacías. Ás veces resulta difícil chegar a abrirse totalmente a unha persoa, por medo a que, nesta sociedade de cambios, remate por cambiarnos a nós (porque sempre pode haber alguén mellor), deixando un vacío difícil de recuperar. Temos medo a ser emocionalmente dependentes dos demais, porque cada vez a sociedade é máis superficial, e depender de alguén parece facernos máis débiles. Encerrámonos a nós mesmos nunha coraza que, máis que protexernos, impídenos sentir o que hai fóra.
Hai sitios bonitos aos que imos, grabamos historias facendo que o pasamos ben, e despois pausamos toda esa "diversión" para ver que se subiu ben a historia, e comprobar que a crush a veu. Da mesma forma, parece que ás veces temos amigos para cumplir as cousas básicas que fan os amigos: felicitalos polo aniversario cando nolo recorda Facebook, preguntarlles ocasionalmente que tal todo para facer ver que seguimos tendo contacto, dicir "temos que quedar" sen ningunha perspectiva de que iso pase.
E, se cadra, estás cos amigos, pero estades cada un na súa propia burbulla, totalmente alleos ao que pasa nas burbullas dos demais, porque, ao fin e ao cabo, xa temos bastante co noso, non?
Hoxe en día, estar conectados impídenos estar sós, pero, da mesma forma, podemos chegar a sentirnos sós incluso estando acompañados.
CL
En Suecia hai un museo do fracaso. É un museo que contén produtos que lanzaron as compañías ao mercado, e que, máis cedo ca tarde, remataron por fracasar. Hai de todo, desde unhas Google Glass, pasando por unha maqueta dun DeLorean, ata unha licencia de Windows 8. O obxectivo do museo (e das exposicións temporais que tiña ao longo de varios sitios de Europa) é aprender dos erros que, en moitas ocasións, levaron aos seus creadores a perder grandes cantidades de pasta, ou incluso á quebra da empresa. O pavo que abriu o museo tivo varios problemas, tanto para adquirir algunhas destas cousas, como para exhibilas, porque parece ser que as compañías queren ocultar os seus fracasos a toda costa.
Isto levoume a pensar que as persoas tendemos a ser así, pretendemos ocultar os nosos fracasos, a amosarlle a todo o mundo nas nosas redes sociais que marabillosos somos, cantos aparatos electrónicos desmontamos, que vida tan interesante temos, que felices somos cada día, e únicamente presumir dos nosos éxitos... coma os británicos cando falan de historia militar.
Coñas aparte, penso que, ás veces, as persoas deberiamos ter o noso propio museo do fracaso. Amosarlle ao mundo en que fallamos, que temos de malo, cousas das que nos arrepentimos, como cando te liastes con algunha persoa, cando aceptastes ese chupito de jager ao que che invitaba unha amiga, de non decirlle a alguén que o querías (ou non), ou cando decidistes que matricularte nunha enxeñaría era unha boa idea.
Nese museo do fracaso, á saída, xusto antes da tenda de agasallos, debería haber unha placa que dixera "A pesar de todo isto, aquí seguimos", para que os visitantes que están saíndo do museo sepan que toda a merda pola que pasamos non fai máis que perfeccionarnos, coma cada golpe de cincel nunha escultura de mármore.
Non deberiamos ter medo a equivocarnos, e, menos aínda, ter medo a recoñecer os erros.
Penso que, se todos fosemos coa verdade por diante, sen medo a admitir en que metemos a pezuña, viviriamos nunha sociedade menos cínica, e máis tolerante co que, á fin e ao cabo, nos fai humanos: Etivocarnos
PD1: O de etivocarnos púxeno porque eu de pequeno decía así e pensaba que estaba ben porque me soaba mellor
PD2: O tipiño que fundou o museu entrou en bancarrota fai pouco, así que se cadra debería poñer unha foto súa no museo, unha bonita ironía
CXLIX
Quen dirixe as nosas vidas?
Dende que nacemos, estamos expostos a cousas que nos din como vivir. Anuncios que nos din como hai que vestir na época na que vivimos, que é o que está de moda. Cancións que nos falan de que namorarse é algo bonito, necesario na vida, que cando remata hai que estar triste.
Películas que nos din que a felicidade consiste en ter unha familia, vivir nunha urbanización, facer barbacoas o domingo e ter un can chamado Tobi.
Persoas que nos din que eructar é feo, que se tes que botar un peido, tes que foderte e aguantalo, que admitir que hai cousas que fas ben está feo, que hai que mentirlle á xente dicindo que non es ninguén, que non fas nada mellor ca ninguén porque "está feo presumir".
E se me apetece vestir coma un gentleman victoriano de Kensington?
E se non necesito (ou non soporto) ter unha relación heterosexual monogámica?
E se non quero ter unha familia, vivir na mesma casa durante 50 anos e traballar na mesma empresa ata xubilarme?
Dende que somos pequenos, fannos ver que nesta vida hai que estudar durante 20 anos, e traballar durante 40, porque é como funcionan as cousas.
E resulta que hai xente que non se adapta a eses esquemas, xente que dende os 13 anos vai polo mundo coa palabra "inadaptado" na frente. Xente á que lle negarán todo, por non encaixar nas directrices da sociedade.
Por que eructar á comida en Arabia Saudí é de boa educación, e aquí es un porco por facelo?
Por que sería raro que eu levase unha chistera pola rúa?
Que (ou quen) determina o que é socialmente aceptable ou non?
Que nos impide ser o que queiramos ser?
CXLVIII
Volveremos mirarnos algún día da mesma forma que antes?
Hoxe volvín pensar en ti, en todo aquilo que quedou tan lonxe, que case parece que non pasou nunca. Volvín lembrar todas e cada unha das cancións que sempre soan a ti. Volvín a ese recuncho no que gardo todos os momentos felices pasados, porque a felicidade sempre foi un tema importante a tratar, co que nunca nos puxemos de acordo.
Pero para ser sinxelo, lémbrome de ti acotío, algunha vez cada semana. Porque iso que din de esquecer ás persoas é un mito. É imposible esquecerse de quen contribuíu a ser quen somos. Sería unha insensatez esquecer a alguén, porque estariamos esquecendo quen fomos nun momento.
Quizais sexa a nostalxia, ou que, co paso do tempo só lembramos as cousas boas, pero penso que ata a máis cruenta das guerras pode quedar atrás se pasan os suficientes anos. Penso que obrigar ao noso orgullo a ondear unha bandeira branca en sinal de tregua é a decisión máis sabia que un pode tomar, incluso cando pensemos que a situación está ben como está.
Levo tanto tempo durmindo, que os soños pasaron a ser a miña realidade.
Levo tanto tempo durmindo, que o espertador quedou sen pilas, condenándome a un soño eterno.
Levo tanto tempo durmindo, que necesito espertar.
CXLVII
Un cyborg é todo aquel organismo que combina partes biolóxicas con partes tecnolóxicas. Ante esta definición, calquera persoa que use gafas, ou mesmamente roupa, pode ser considerada un cyborg en maior ou menor medida. Técnicamente Neil Harbisson foi o primeiro cyborg do mundo, pero hai un cyborg do que non se fala: Juan Carlos I.
Considerando todas as operacións que lle fixeron a ese señor, e todas as pezas de reposto que lle puxeron, cabe facerse tres preguntas:1) De non ser por esa tecnoloxía, a súa vida veríase afectada dalgunha forma?
2)Aumentou esa tecnoloxía as súas capacidades como ser humano?
3)É acaso Juancar o español que máis aproveitou a seguridade social?
A primeira e a segunda respostanse soas: de non ser por esas movidas que lle implantaron, seguramente agora Juancar sería un cadáver enterrado nalgún lugar bonito de madrid cercano a un burdel. Tamén se pode considerar que ese montón de cadrís de titanio aumentaron as súas capacidades motrices, para pasar de esparrarse en dúas de cada tres aparicións públicas, a facelo só na intimidade do seu p̶u̶t̶i̶c̶l̶u̶b̶ palacio.
A terceira pregunta xa é máis complexa, xa que Juancar operase en clínicas privadas que contan coas mellores instalacións para operar famosos, pero se consideramos que todos os cartos de Juancar & family veñen de todos os españoles, non sería unha especie de seguridade social, pero para parásitos ricos?
Se cadra o que fixo a Juancar un ser con capacidades máis alá da súa condición humana non foron as operacións que lle fixeron, senon o simple feito de nacer na familia que lle tocou.
CXLVI
Pensa un momento nas noticias. Se te das conta, a maioría adoitan ser noticias malas: Asasinatos, guerras, movidas políticas etc
Por que nos gusta ver as noticias? Quero dicir, está ben eso de saber o que pasa no mundo no que vivimos e tal, pero hai certo tipo de noticias que non chego a comprender: as de crimes.Entendo que, cando hai un crime, pois esté ben saber que pasou e tal, pero chega un punto onde pasa de ser información a ser puro morbo.
Pensa no caso de Julen: Un rapaz cae a un pozo, e, durante as dúas semanas que tardan en sacalo, a prensa non para de informar de cada novidade no sitio da desgracia, pero unha cousa mantense constante; nunca mencionan que é imposible que o rapaz saia con vida. Todo isto para que os espectadores manteñan unha esperanza de que o chaval siga vivo e así sigan o suceso ata o desenlace.
Ou pensa en Diana Quer, que cando desapareceu, unha vez deixou de haber novidades que contar, a prensa comezou a indagar na vida persoal dela e da súa familia, sacando a relucir cousas privadas que nada tiñan que ver co suceso.
Parece que non nos damos conta de que, en moitas ocasións, a prensa busca alimentar ese morbo que temos de saber as cousas máis macabras da natureza humana, esa necesidade que temos de saber ata o máis mínimo detalle.
Por que sentimos iso? Acaso nos sentimos mellor cando sabemos que esas cousas lle pasan a persoas que non somos nós? Unha especie de "como está o mundo, menos mal que eu son decente"
Estamos convertindo a vida en unha especie de espectáculo, coma se a ficción non fose suficiente para entreternos. Esa necesidade de cotilleo que nos está quitando a pouca humanidade que nos queda, para convertirnos en seres insensibles, que cada vez necesiten emocións máis fortes para poder sentir algo.
Seres que se alimentan da traxedia, coma vampiros buscando sangue nos pescozos das súas víctimas.
Que opinas de que un dos vídeos máis buscados en moitas páxinas porno foi o que grabaron os da Manada?
Vouno repetir:
Alimentámonos de traxedia.
CXLV
Porque cando te dás conta, renunciastes a demasiadas cousas por un futuro que únicamente existe nos teus soños.
Vivimos vidas sometidos á rutina semanal de traballar só esperando a que chegue o finde, eses días que somos "libres", para volver á rutina esperando ao seguinte finde.
Vidas sometidos a rutinas que non nos enchen, pensando nos 15 días de vacacións que temos cada ano. 15 días que lle mercamos ao sistema a cambio dos outros 350 días do ano.
E, cando te das conta, tes 60 tacos, e, agora que xa pagastes a hipoteca, o teu lumbago, un cáncer, ou sabe Dios que non che permite vivir esa vida coa que levabas 40 anos soñando.
Cada segundo que temos desta vida é tempo regalado, tempo que moitas veces perdemos sen darnos conta, e, peor aínda, sen saber que non podemos recuperalo.
Canto tempo usas Instagram cada semana? Realmente vale a pena ver fotos da peña intentando venderche a súa vida como idílica?
Ou xente buscando aprobación de outras persoas para enmascarar inseguridades?
Ou un intensito que necesita facerse o intelectual escribindo textos que cada vez dan máis pereza ler?
En estes dous minutos que levas lendo isto podías, por exemplo, chamar a alguén a quen queiras e decirllo, antes de que sexa demasiado tarde.
Tic tac tic tac...
Advertencia
Ola boas, chámome Fran e escribo textos. Si te dispós a ler este blog e non me coñeces, ou ben non tes nin idea do que fago en Instagram, p...
-
Un día meu pai díxome que os mariñeiros sempre viven dentro dunha tranquila incertidumbre, que che acostumbra a estar sempre alerta para can...
-
E si te vas? Lonxe Pero lonxe de "hostia puta onde foi dar este" Lonxe que a xente teña que imaginarse como é a túa cara porque...
-
Hai algo que me mola das personas: é moi difícil ocultar o que sentimos. En certo modo, todos intentamos ocultar certos sentimentos, xa sea...