Esta é a historia de Xosé Crespo, ou Pepiño, como lle chamaba a xente do seu pobo.
Resulta que Pepiño e a súa familia viviran un tempo en Holanda.Alí viviu ata os oito anos, cando seu pai tiña bastantes cartos coma para construir unha casa, e atopou un traballo igual pagado en Galiza.
Un día, cando tiña dezasete anos, a Pepiño chegoulle unha carta de Werner, un amigo que tiña en Holanda cando aínda vivía alí. Como Pepiño xa non lembraba nada de holandés, pediulle a seu pai que lle lese a carta. Seu pai comezou a ler: "Querido amigo, quero dicirche..." O pai calou e entrou en cólera, e rematou por largar a Pepiño da casa, sen darlle ningunha explicación.
Así que, con unha carta e unha maleta chea de roupa e tazos de Pokémon, Pepiño foi polo pobo buscando axuda para que o acollesen, pero seu pai xa falara con todo o mundo para que non o deixasen entrar en ningunha casa.
Así que Pepiño, desterrado, enrolouse nun barco que ía ao Gran Sol, para poder buscarse a vida lonxe do seu pobo.
Unha semana despois de partir, o capitán achegouse a falar con el, preguntando por que toda a tripulación estaba enfadada con el. Pepiño culpou á carta que aínda conservaba de todos os seus males. O capitán, que navegara anos nunha compañía holandesa, ofreceuse a traducirlle a carta, e comezou: "Querido amigo, quero dicirche..." A expresión do capitán cambiou súbitamente, e dixolle a Pepiño que ían ir directos a terra para botalo fóra do Barco.
Así que Pepiño viuse en Ballybunnion, Irlanda, sen diñeiro e sen saber que facer.
Na taberna do porto, coñeceu a un señor que falaba algo de Español, e Pepiño contoulle a súa historia.
O señor Arthur O'Flannigan invitou a Pepiño a residir na súa casa mentres aprendía holandés, para poder ler a carta que tantas desgracias lle trouxera.
Ao cabo dun tempo, Pepiño decidiuse a celebrar o seu 18° aniversario lendo a carta nuns preciosos cantís da costa irlandesa, coa idea de poñer fin á maldición que arrastraba aquela misiva holandesa.
Así pois, ás 16:36 do día do seu décimo oitavo aniversario, Pepiño, no alto dos cantís de Moher, abriu a carta, e comezou a ler as palabras escritas polo condenado Werner.
"Querido amigo, quero dicirche que..."
No hay comentarios:
Publicar un comentario